Tuesday 19 de March de 2024

Continúa con moita participación e gran aceptación o programa itinerante de actividades polas parroquias


En Aldemunde celebrouse unha charla da Policía Local sobre seguridade viaria e en Rus comezou un curso de manexo do teléfono móbil

As nosas parroquias están máis activas ca nunca, e o programa itinerante que estamos a levar a cabo en colaboración coas asociacións e os consellos parroquiais avanza con moita participación e unha excelente acollida por parte da veciñanza.

En Aldemunde rematou o martes o curso de manexo do teléfono móbil, no que participaron 19 persoas, e o mércores celebrouse a primeira das tres charlas previstas para as próximas semanas coa finalidade de achegar información útil aos veciños e veciñas, sobre todo aos de máis idade, sobre seguridade viaria, accidentes no fogar ou compostaxe.

Os axentes de mobilidade da Policía Local, José Antonio Andrade e Ramón Anido, achegáronse ata o centro social, acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e polos concelleiros Juan Seoane e Mar Eirís, para achegar algúns consellos básicos para mellorar a seguridade peonil ou nos vehículos agrícolas. Durante a sesión, que se prolongou durante 45 minutos, os asistentes interesáronse tamén por outras cuestións relacionadas co traballo policial, como o deterioro das vías orixinado polo transporte de madeira.

Para o mércores 8 está previsto un obradoiro sobre compostaxe co noso mestre composteiro, e o día 15 remataremos o programa Actívate en Aldemunde cunha xornada moi interesante sobre primeiros auxilios no fogar que ofrecerá o xefe de Protección Civil.

Despois de Aldemunde, o programa Actívate viaxará ata a parroquia de San Miguel de Vilela. Este sábado 4 xa se celebra no lugar do Castelo un dos catro cursos de poda que temos programados para esta temporada, coa colaboración de Dixardín, aínda que xa están cubertas todas as prazas. Pero aínda hai sitio para participar no curso de manexo do teléfono móbil que se celebrará os días 14, 16 e 22, e que, como no caso de Aldemunde, será a antesala do ciclo de charlas.

Este mércores tamén comezou un curso de móbiles na parroquia de Rus, coa participación de 17 persoas, que recibiron a visita do alcalde e da concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís. O 28 de febreiro poremos en marcha outro en Carballo. As persoas que queiran participar aínda están a tempo de inscribirse, ou ben na Biblioteca Rego da Balsa ou ben enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.